Previa da xornada 21 no Grupo I de Terceira División

Previa da xornada 21 no Grupo I de Terceira División

SD Compostela – Ribadumia

Despois da valiosísima vitoria conseguida polo Compostela ante o Silva, o conxunto santiagués abriu una pequena fenda na táboa. Agora mesmo conta con catro puntos de vantaxe sobre o segundo e de sete sobre o quinto, así que o obxectivo dos picheleiros pasa por afianzarse na primeira posición. Esta fin de semana reciben en San Lázaro a un Ribadumia que ocupa un lugar cómodo na zona media da táboa, pero que ven de gañar os seus dous últimos encontros, polo que non cederá doadamente.

Boiro – Villalbés

O Villalbés está inmerso nunha fantástica dinámica á que deron continuidade no primeiro encontro do ano, no que derrotaron a un rival directo, o Bergantiños. Os de Óscar Gilsanz colleitaron 29 dos últimos 33 puntos en xogo e xa son terceiros tras repoñerse dun mal inicio. O Boiro, que tamén chegou a estar en postos de honra hai unhas semanas, é agora noveno debido aos seus problemas para sacar resultados positivos lonxe de Barraña. Porén, esta fin de semana volve a xogar como local e precisa da súa mellor versión, xa que unha derrota ante o Rácing podería deixarlle demasiado afastado da parte alta da clasificación.

Somozas – Choco

O Somozas vai lanzado. As catro vitorias consecutivas que levan os xogadores dirixidos por Míchel Alonso fixéronlles subir ata a quinta praza, é dicir, a un paso da promoción de ascenso. O Choco está dous postos por debaixo, polo que resulta un envite fundamental para ambos: para os locais porque queren asaltar o top-4 e para os visitantes porque non queren perder contacto co resto de clubs que loitan por estar arriba. Chega o momento de pisar o acelerador e descubrir quen é capaz de manter o ritmo.

Bergantiños – Noia

A derrota do Bergantiños en Vilalba na última xornada propiciou que varios equipos se achegasen ao cadro carballés, cuxa vantaxe con respecto ao quinto clasificado quedou reducida a tres puntos. Secasí, non hai tempo para lamentarse, e agora ten ante si unha oportunidade para resarcirse recibindo este domingo ao Noia, que continúa na vixésima posición. Os das Rías Baixas procurarán dar a sorpresa para evitar afundirse no fondo da táboa.

Barco – Arenteiro

O Barco non puido pasar do empate no campo de Villalonga, pero coma di o tópico, agora tócalle facer bo o punto logrando os tres na casa. O conxunto barquense, que desfruta no cuarto posto, recibe, nun derbi provincial, a un Arenteiro en caída libre. Con cinco derrotas consecutivas, os do Carballiño mantéñense décimo terceiros grazas ao seu bo inicio de campaña, pero corren o risco de ser arrastrados por unha inercia negativa se non se recuperan a tempo. A visita a Calabagueiros, porén, non parece a situación máis propicia para reencontrarse co triunfo.

capturaBannerCheck

Barbadás – Laracha

Partido de vital importancia na loita pola permanencia, no cal se verán as caras o décimo noveno e o décimo quinto, separados por catro puntos. Máis aburado polas circunstancias clasificatorias está o Barbadás, que ademais xoga como local, polo que a vitoria é pouco menos ca unha necesidade imperiosa para eles. Para o Laracha, que terá que facer fronte á marcha de Josito, tamén é unha boa oportunidade para dar un golpe de efecto e afastarse da zona perigosa da táboa.

Céltiga – Villalonga

Igualmente importante é o partido que acolle a Céltiga (14º) e Villalonga (17º), con tres puntos en xogo que poden ser moi determinantes ao final da tempada. Os arousáns, que veñen de caer ante o Negreira, non poden permitirse unha segunda derrota consecutiva ante un rival directo pola permanencia, máxime tendo en conta os posibles arrastres que ampliarían o número de equipos que baixarían a Preferente. O Villalonga puxo fin o outro día a unha racha de sete derrota consecutivas, pero precisa vencer con urxencia, xa que leva trece xornadas sen facelo.

Cultural Areas – Silva

A perspectiva sobre o encontro entre Areas e Silva é diferente se miramos á clasificación, onde os separan vinte puntos, ou se facemos caso ás sensacións dos últimos partidos. O conxunto ponteareano conseguiu saír do descenso tras moitas semanas nel, mentres que o club coruñés ven de caer dos postos de promoción nos que levaba afincado dende hai máis de quince xornadas. Os locais aférranse ás súas dinámicas para lograr unha vitoria que sería importantísima, mentres que os visitantes miran á táboa e convéncense de que é unha xornada idónea para recuperar o terreo perdido.

Alondras – Ourense

Partido entre dous equipos situados na zona media de clasificación, aínda que os cangueses están máis preto das posicións de promoción, que teñen a cinco puntos. Unha boa racha de resultados podería meterlle de novo na pelexa, e ese é o obxectivo co que afrontan este partido os pupilos de Antonio Fernández. Enfronte estará o Ourense CF, que aínda que non vence dende principios de novembro, foi quen de acadar varios empates que o manteñen nunha posición tranquila, cunha decena de puntos de marxe sobre o descenso.

Arosa – Negreira

O Negreira comezou o 2018 cunha vitoria balsámica sobre o Céltiga que infundiu ánimos ao conxunto nicrariense, que con ese triunfo colócase a dous puntos da salvación. Porén, para poder acadar a permanencia necesitará mellorar o seu rendemento fora da casa, onde aínda non foi quen de puntuar na presente tempada. Esta fin de semana visita ao Arosa, que con 31 puntos está ante unhas das súas derradeiras oportunidades de engancharse á parte alta da clasificación.

Artículos relacionados