Previa da xornada 22 en Terceira División Grupo I

Previa da xornada 22 en Terceira División Grupo I

Silva – Somozas

Emocionante encontro entre o quinto e o cuarto clasificado, separados soamente por un punto. A fantástica racha do Somozas, que venceu nos seus últimos cinco partidos, tópase esta fin de semana cun rival, o Silva, que pese a baixar as súas prestacións con respecto aos primeiros compases da tempada, continúa na loita por acadar un posto na zona alta. Unha vitoria dos coruñeses devolveríaos aos postos de promoción, mentres que unha derrota os podería deixar lixeiramente descolgados, amais de reafirmar a candidatura da UD Somozas para conseguir regresar á Segunda División B.

Boiro – Bergantiños

Dúas derrotas consecutivas, en Ribadumia e Laracha, afastaron ao Boiro da parte alta de táboa, e mesmo fixeron que máis dun os descartase da encarnizada batalla por finalizar o ano entre os catro primeiros. Porén, os boirenses reivindicáronse o domingo cunha vitoria contundente ante o Vilalbés, e con un pouco máis de regularidade lonxe da Barraña poderían ascender posicións. Esta fin de semana xogan de novo no seu estadio, e o fan de novo ante un equipo punteiro: o Bergantiños, segundo clasificado. O cadro carballés, que estivo a piques de verse sorprendido polo Noia, tentará buscar unha vitoria que lle permita abrir oco con respecto aos seus perseguidores.

Choco – Barco

En termos clasificatorios é un encontro bastante similar ao anterior: o Choco é noveno e está a sete puntos da cuarta posición, mentres que o Barco ocupa a terceira praza. Os de Marcos Montes atópanse, polo tanto, ante unha das súas derradeiras oportunidades de engancharse ao pelotón dianteiro: a distancia non é irrecuperable, pero deben comezar a recortar puntos xa. Os ourensáns, pola súa banda, pasan por unha boa dinámica de sete partidos sen perder, grazas, en boa parte, á súa fiabilidade defensiva, xa que son o equipo que menos goles encaixa do grupo (16), xunto ao Bergantiños.

Laracha – Compostela

A SD Compostela vai coma un tiro. O conxunto santiagués pisou o acelerador e, tras seis vitorias consecutivas, é líder e conta cunha pequena marxe á fronte da táboa. O obxectivo do cadro compostelán pasa, obviamente, por conservar o seu privilexiado posto para aumentar as súas opcións de regresar á categoría de bronce. Esta fin de semana visita a un Laracha que se meteu en serios problemas tras a súa derrota in extremis ante o Barbadás, e xa conta con so unha unidade de distancia con respecto aos postos de descenso. Para acadar a hercúlea tarefa de puntuar ante o líder, o conxunto larachés precisa mostrar unha versión similar á que lle serviu para vencer ao Boiro fai dúas semanas, no seu último partido coma local.

Vilalbés – Barbadás

Na última xornada, Vilalbés e Barbadás viviron un cambio de tendencia: para os chairegos, negativa, para os ourensáns, positiva. O Vilalbés, que viña dunha excelsa dinámica de resultados que lle fixo meterse en postos de promoción, caeu con estrépito en Boiro (3-0) e volve a ver as posicións de honra dende abaixo. Pola súa parte, o Barbadás logrou unha importantísima vitoria que lle deixa en puntuación de permanencia. Ambos precisan puntos para os seus respectivos obxectivos, pero tendo en conta os seus postos e que o partido terá lugar na Magdalena, os locais ostentan o favoritismo.

Verificar artículo horizontal

Negreira – Alondras

O empate acadado polo Negreira en Arousa a fin de semana serviu para que sumasen o seu primeiro punto a domicilio da tempada: un bo lugar para comezar a darlle á volta á situación na que están sumidos. Agora tócalles facerse fortes na casa, algo que levan máis ou menos encarrilado: da zona baixa é o que amosa mellores números como local. Pero o seu rival, o Alondras, non é precisamente ao que resulta máis doado meterlle man. Os cangueses, que colleitan dous triunfos seguidos, están a cinco puntos da promoción de ascenso, e unha vitoria en Negreira sería un interesante estímulo para terminar de crer que poden loitar por estar arriba.

Vilalonga – Arosa

Partido entre dous clubes que non pasan polo seu mellor momento. O Vilalonga, que caeu a posicións de descenso hai tres xornadas, ocupa a penúltima posición e non vence dende outubro. O Arosa, moito máis tranquilo na zona media da táboa, ven de encadear dous empates que lle privaron de meterse na loita por estar arriba (actualmente está a nove puntos do cuarto posto). A necesidade abórdalles máis aos sanxenxinos, que procuran un punto de inflexión que lles axude a recuperar as sensacións do principio de tempada.

Ourense – Noia

Outros dous equipos inmersos en malas dinámicas. Sete partidos sen gañar para o Ourense CF, que aínda ten un nada desprezable colchón de puntos con respecto aos postos de descenso. Recibir na casa ao colista é, a priori, un partido propicio para atoparse de novo coa senda da vitoria. Porén, o Noia precisa moito máis os puntos, xa que continúan na última posición, a seis da permanencia. Os noieses levan cinco derrotas consecutivas, pero melloraron as súas sensacións nos dous últimos partidos: estiveron moi preto de sacarlle un empate ao Bergantiños e adiantáronse no electrónico ante o Alondras. Agora tócalles transformar esas sensacións en puntos que lles permitan ver a salvación como un propósito factible.

Arenteiro – Céltiga

Situados no decimo terceiro e decimo cuarto posto, respectivamente, Arenteiro e Céltiga están nunha localización limítrofe, a medio camiño: o descenso non está preto, pero tampouco poden relaxarse. O club do Carballiño chega con malas sensacións: perdeu os seus últimos seis partidos e, nos últimos catro presenta un balance de cero goles a favor e doce en contra. O Céltiga, en cambio, ven de lograr un importante triunfo ante o Vilalonga que lle permite respirar un pouco, pois non so ampliou distancia co descenso senón tamén coas posicións estritamente anteriores a este, sempre perigosas en caso de que se produzan arrastres.

Ribadumia – Cultural Areas

Tras perder os seus dous últimos encontros, a Cultural Areas atópase coa mesma puntuación do descenso, aínda que fóra deste. A necesidade de volver a sumar, non obstante, é imperiosa. Esta xornada, os de Ponteareas visitan a un Ribadumia encravado na metade da clasificación, con 27 puntos que lle permiten mirar á táboa con tranquilidade e sen demasiada presión. Unha vitoria dos ourensáns deixaríalles coa permanencia a tiro de pedra cando aínda queda case media competición.

Artículos relacionados